PortoDeRedes


Da miña familia, das miñas pantasmas, das miñas lembranzas.
Dis que o home é un deus cando soña e un mendigo cando reflexiona. Imos soñar, imaxinar, fantasear cunha vida imposible, perdida para sempre na corrente dun tempo que non cesa.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO

Edén
Eu vivía nunha casa onde aniñaban as anduriñas, onde as mazorgas de millo penduraban do teito como grilandas de fantasía, onde medraban os carranchiños ata converterse en graves porcos enfeitizados entre o estrume do cortello. Eu tiña un can que escorrentaba os parrulos, e pitos amoreados á calor das lámpadas. Tiña galos que anunciaban amenceres e galiñas á procura de tesouros soterrados. Eu tiña, pero xa non teño, coellos que comían fiuncho e miraban de reollo, pavos que esperaban sen saber, sen saber que esperaban dende a altiveza esquiva dos seus minaretes. Eu vivía no paraíso.
Comentarios (2) - Categoría: Contiños da néboa - Publicado o 13-12-2007 12:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Pantasmas no faiado
Era aquel un tempo escuro, de luz de vela e candeeiros. Teño gravada a imaxe da miña avoa embutindo chourizos ao carón da bilbaína unha noite de outono en que, como tantas outras, a luz de centovinte perdérase no transformador da fonte e agardaba a que Angel dise con ela. De neno tiña moito medo a escuridade. Non me acostaba sen mirar embaixo da cama, procuraba non deixar nada fora das mantas e escudriñaba as sombras ata que o sono me vencía. Unha noite tódolos meus medos chegaron de sócato e se agocharon conmigo entre as sabas, alguén ou algo andaba polo faiado. Uns pasos baixaron polas escaleiras, avanzaron polo corredor, entraron na habitación, rodearon a cama do meu irmán, achegáronseme. Logo xa non lembro nada. Como se a brétema cubrise de súpeto a conciencia, como se esta esvarase e, nunha caída de vértixe, precipitasese nun abismo de tebras e silenzos. O día seguinte, e moitos outros despois, repetiuse a mesma secuencia, os mesmos pasos, o mesmo percorrido e, o cabo, a mesma escuridade e silenzo. Ainda non entendo de onde sacou o enxeño aquel neno de seis anos, pero o certo é que artellei un sinxelo pero efectivo mecanismo para cazar pantasmas. Un día decidinme a rematar con aquilo dunha vez para sempre. Esperei a que durmise o meu irmá, collín unha corda e ateina as patas das dúas camas. Non sei se foi pola seguridade que me proporcionaba o trebello, pero o certo é que aquela noite durmín máis profundamente que ningunha outra. Non escoitei os pasos no faiado, nin oín como baixaban as escaleiras, avanzaban polo corredor, entraban na habitación, rodeaban o leito do meu irmá e... non escoitei nada diso, pero si o estrondo que produce un corpo pesado ao caer no chan de madeira do meu cuarto. Primeiro foron os queixidos, logo as luces acendéndose, a estraneza duns e outros, as preguntas sen respostas, un biquiño, un "a durmir" e logo o sono, a apacible noite dun sono sen medos.
Preguntarédesvos que foi da pantasma. Estaba no faiado na miña fantasía, onde estivera sempre ¿esperabades outra cousa? ¿Que quen caeu entón na trampa? Iso é outra historia que non vou demorar máis, non vos preocupedes.
Ao escoitar o barullo espertamos todos, meu irmá acendeu a luz e vimos ao meu pai fincado no chan todo ao longo. Ergueuse magoado e preguntounos quen puxera aquela corda, non esperou pola resposta. Deume un bico, como tódolos días, apagou a luz e marchou sen facer ruído a coller o autobús obreiro, como tódolos días.
Comentarios (0) - Categoría: Contiños da néboa - Publicado o 04-12-2007 19:38
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Unha pomba nun cortello
Nacera en Ares, pero a súa vida incrustárase de tal xeito na paisaxe humana da vila que case non podía entenderse a unha sen a outra. Sempre fora un home delicado, amable e o mesmo tempo distante. Dende pequeno soñara con chegar a ser alguén importante lonxe daquel pobo miserento, daquela xente embrutecida. Ainda que non chegou moi lonxe dende logo, en Redes consiguíu ter unha posición, un oco entre a xente. Tarde ou cedo todo o mundo chamaba por el. Ainda podo ver o seu corpiño enxoito carrexando os caldeiros para esterca-las leiras sen perder un ápice da súa dignidade. Pero aqueles eran tempos difíciles, tempos moi duros.
Certo día chegou a vila un estrano, ben vestido, educado e -pareceulle a el- guapo, moi guapo. El nunca se atrevería, pero foi o outro quen se achegou. Mantiveron unha curta conversa chea de malentendidos, ainda que falaron non se oíron, miráronse pero non se viron. Un quería saber, o outro só estar con el. E con desexos ben distintos citáronse á noite no camiño dos paxaros. Como o Martiño de Curros, así o imaxino; co seu corpiño roto, e as pingas de sangue e as bágoas da pena caendo quediña, quediñamente, sobre o camiño.
Comentarios (0) - Categoría: Contiños da néboa - Publicado o 03-12-2007 12:23
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Clandestinos
Corría o ano 77, era noite. Cinco sombras esvarávanse polas estreitas rúas da vila procurando non facer ruído, agochándose tralas esquinas, presentindo mil perigos ocultos ao outro lado das portas e das cortinas. Cinco corazóns batendo a un tempo, como unha grea de cabalos desfreados. Alguén trouxera un caldeiro coa cola e unha brocha para estendela. Detivémonos xunto á casa que fora do Xenxe. Un de nós sacou uns carteis inmensos, a proba definitiva do noso delito. Todo sucedeu de súpeto, diante de nós, sen previo aviso. Sonou unha interminable traca de estalos que ben puideran ser tiros. Co corazón todavía encollido, vimos sair a Caneiro do cagadeiro, cruza-lo balcón e entrar na casa sen reparar en nós. Trinta anos despois ainda sigo rindo.
Comentarios (0) - Categoría: Contiños da néboa - Publicado o 03-12-2007 12:01
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
As tres nogueiras
¿Quen pode saber no que pensaba mentras baixaba do tren na estación de Franza? Estivera fora moitos anos pero ainda recoñecía os lugares e a xente coa que se cruzaba. Decidira non ir polo tunel, quería ter máis tempo para pensar e ir descubrindo pouco a pouco aquela realidade detida no tempo, como se estivese todos estes anos agardando por el. ¿En que pensaría para non darse conta de que outros pasos tralos seus iban pensando nel? Entrou no bar de Saavedra a tomar algo, non tiña présa. Ao pouco dous homes que non coñecía entraron preguntando polo camiño de Redes. El, sempre amable, indicoulles o camiño e mesmo ofreceuse a acompañalos se esperaban a que rematase a copa. Os homes agradecéronllo pero preferían marchar canto antes. ¿En que pensaría cando baixaba polo Regueiral cada vez máis cerca da súa casa? ¿Que estaría pensando cando ao chegar as tres nogueiras tres homes que non coñecía sairon de entre as árbores? ¿Quen pode saber no que estaba pensando cando exhalaba aquel derradeiro alento, cando por fin o tempo comezaba de novo a fuxir?

Comentarios (2) - Categoría: Contiños da néboa - Publicado o 30-11-2007 07:21
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Un triste conto de medo
Sería un conto se non fose certo. Pero o que vos vou contar non é cousa de contos, eche unha historia ben triste e ata de chorar.
Fai moito tempo vivía no PortoDeRedes unha familia que tiña un fillo aqueixado dunha estrana doenza que requería continuos coidados. O neno estaba ao cargo da nai, xa que o pai traballaba fora todo o día. Ela procuraba non deixalo nunca só, e non saía se non era absolutamente necesario. Pero, alomenos unha vez ao día, tiña que deixalo só para face-la compra na tenda do lado. Como tódolas mañás, tamén aquel día baixou á tenda. Ao sair da casa atopou unha veciña coa que se entretivo falando un ratiño: "¿Que paxaro é ese que tes no balcón?". Deu a volta para mirálo e, ao velo, botou a correr cara a súa casa. Dis que gritaba mentres subía polas escaleiras: "Meu fillo, meu fillo". Dis tamén que cando entrou na habitación do rapaz, o paxaro xa non estaba e o neniño xacía na cama, morto .
Comentarios (0) - Categoría: Contiños da néboa - Publicado o 29-11-2007 13:29
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Onde está ese peso?
O que vos vou contar pasou fai moito tempo, pero seguro que hai quen o lembra. Certo día paseaban polo Pedregal tres vellos. Un deles, ao que chamaremos Paco o Tatexo, era moi ocorrente. Vendo rondar un raparigo pola praza, chamouno. Ao chegar o neno onde os vellos , o Tatexo, botando un sonoro peido, díxolle: "Oes rapaz, se eres capaz de collelo douche un peso". Saeu Camiliño a fume de carozo pola rúa nova arriba e ao pouco chegou bufando caleixón abaixo ata onde estaban os vellos, levantou unha perna e botou un peido non máis pequeno, engadindo: "Veña, onde está ese peso?"
Comentarios (0) - Categoría: Contiños da néboa - Publicado o 29-11-2007 09:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A masacre do Val
O outro día achegueime o cemiterio do Val (Narón), quixen ver o modesto monumento que o Concello adicou ás victimas da brutal represión do 36 e, dese xeito, homenaxear eu mesmo os mariñeiros leales que entregaron as súas vidas pola causa da República que é, ou debería ser, a causa de todos os demócratas. Visitei o lugar da fosa común onde descansan anónimante os heroes da Armada Republicana. Fora do recinto da igrexa unha modesta placa recorda o sucedido.

Trinta e catro homes e rapaces foron asasinados no camposanto do Val naqueles días infames dos primeiros meses do golpe militar do 36. Fixádevos nas idades: un rapaz de 18 anos, catro rapaces de 19 anos, tres rapaces de 20 anos, seis rapaces de 21 anos, catro rapaces de 22 anos, tres rapaces de 23 anos, un rapaz de 24 anos, un rapaz de 25 anos, un rapaz de 27 anos, un rapaz de 29 anos, ... ¿as profesións? 33 mariñeiros profesionais, ¿as causas? "auxilio á rebelión". Non imos insistir na perversión do dereito que tal acusación supón. Só quero formular unha nova pregunta ¿Que foi dos responsables de tal atrocidade? ¿que foi dos criminais?

D 28 (no Val-Narón):
Manuel Pita Loureiro.

D 26, 32 (no Val- Narón, do acorazado "España"):
Guillermo Díaz Vales (auxiliar 21 de mariñeiría, natural de Serantes, 36 anos).
Francisco Bellafont Ginart (mestre de mariñeiría, de Ferrol, 31 anos).
Pablo Beascoechea Rebollar (cabo de mariñeiría, de Ferrol, 27 anos).
Higinio Fajardo Aneiros (22 anos, cabo de mariñeiría, de Serantes).
Francisco Pardal Pouso (23, de Ferrol, cabo).
Nicolás Serantes Pérez (36, de Serantes, cabo).
Oscar Fernando Roza Ramos (cabo de artillería, 26 anos, de Mugardos).
Leandro Gregorio Igelmo (de Ferrol, 30 anos, cabo).
Joaquín Calvo Bellón (de Ferrol, 25 anos, cabo).
Antonio Riande Castro (cabo de mariñeiría, da Graña-Ferrol, 29 anos).
Manuel Fernández Arias (cabo, de Ferrol, 29).
Eulogio Parga Méndez (de Neda, 24 anos, cabo de artillería).
Jesús Vázquez Varela (26 anos, fogoneiro, de Pontedeume).
Juan Morado Monteagudo (mariñeiro, de Ferrol, 22 anos).
Armando Romero Candamio (20 anos, mariñeiro, da Coruña).
Reyes Yáñez Pérez (de Ferrol, mariñeiro, 23 anos).
Ángel Méndez García (de Ferrol, 27 anos, mariñeiro).
Manuel Calvo Arribas (de Santiago, 19 anos, mariñeiro).
Manuel Gallego Méndez (22, de Mugardos, mariñeiro).
Manuel Martínez Inclán (de San Esteban de Pravia, Asturias, 21 anos, mariñeiro).
Nicolás Benito Aneiros (21 anos, mariñeiro).
Evaristo Nogueira Vieites (de Ferrol, 19 anos, mariñeiro).
Eugenio Bedía Méndez (21 anos, de Oviedo, mariñeiro).
Salvador Aneiros Teijeiro (de Serantes, 19 anos, mariñeiro).
José Liñeiro Traba (de Castro-Narón, mariñeiro, 22 anos).
Manuel López Saavedra (de Serantes, 23 anos, mariñeiro).
José López Lago (de Serantes, 19 anos, mariñeiro).
José Domínguez Rodríguez (21, mariñeiro, de Ourense).
José V. Fernández Suárez (20, de Navia, mariñeiro).
Juan Fernández Díaz (21, de Sillobre-Fene, mariñeiro).
Juan Costa Romero (20 anos, mariñeiro, de Cée).
Gabino Álvarez Carreras (18, de Vigo, mariñeiro).

D 27 (tripulantes do "Contramaestre Casado", fusilados no Val):
Julio Álvarez Doval (de Cartagena, 22 anos, mariñeiro enfermeiro).
Daniel Sueiras Brage (de Caranza-Ferrol).
Guerra Civil e Represión en Galicia
Comentarios (0) - Categoría: Noxo de vida - Publicado o 27-11-2007 13:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Era unha noite de lúa, era unha noite clara ...
Si, son eu ¿algún problema?No extremo máis oriental de Caamouterra, alí onde a periferia asómase ao abismo da Alterterra, atópase unha delgada franxa de terreo onde dende tempos inmemoriais un pequeno grupo de desconfiados nativos fan fronte a vida.

Si, o da foto son eu ¿algún problema?
Categoría: Preséntome - Publicado o 24-11-2007 21:59
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal