01 septiembre 2008

A propósito dos 40º aniversarios. 2º

A traxectoria do Club Marítimo de Redes non foi tan constante no tempo, nin tan boa nos resultados, como a do Tenis. Pero non por iso deixa de ser meritoria.

Corría o ano 1.965 cando apareceu a traiñeira por Redes.
Era unha vella embarcación que xa coñecera mellores tempos, estaba por algún almacén perdido quen sabe onde, abandonada por algún club que a cambiara por algo mellor. Pero foi a primeira embarcación da que dispuxemos e a que abreu camiño para a "creación" do club.
A “alma mater” de todo isto, neste caso foi Enrique Leite Paz, Ricucho. Foi quen trouxo a barca, quen se encargou de ilusionar aos mozos de Redes para que, primeiro, axudaran a reparar a traiñeira e logo remaran nela. Era adestrador, delegado nas regatas, mestre de obras,…. e ate pano de lágrimas a veces.

A traiñeira reparárase no muelle da Areamorta. Estaban as tracas do forro despegadas das cadernas en moitos sitios. Recravaranse con puntas. Foi un traballo delicado xa que as cadernas eran moi finas e era dificultoso cravar dende fora e que coincidira a punta na caderna.
Logo de reparada, e con algúns kilos máis entre puntas e pintura empezamos a adestrar e compoñer o equipo.
Xa no ano 1.966 obtivéronse as primeiras fichas federativas e empezamos a competir como club Remeros de Redes.
A primeira proba foi a Regata do Xeneralísimo, que se celebraba tódolos anos na Coruña, e nese mesmo ano 1.966 participáramos no Campionato de España, en Santander.

A práctica do remo esixe o ter un local amplo para almacén de embarcacións e útiles. Cando veu a traiñeira, en principio, andábamos con ela en procesión por Redes adiante, deixándoa onde se podía. Ate que fixéramos unha cabana no Castelo e alí a resgardábamos da intemperie.

Pero a meta a conquerir era o remo
olímpico, o de banco móbil. Fixémonos có primeiro outrigger a catro. Estas barcas xa non podían estar á intemperie e tendo a primeira gardabámola, con moitas dificultades para metela, no salón de América. Era unha epopeia sacar e volver a meter a embarcación cada día para adestrar. Había que facelo por unha fiestra, uns por dentro do salón e outros fora, era unha película.
Pensando que facían falta máis embarcación, e en consecuencia máis espacio, xunto con que saíron a subasta pública varias baterías de defensa costeira, entre elas a de Redes, levounos a procura de mercar o Castelo para facer alí o local.

Eran finais do 1.968 cando,
para recadar fondos e poder levar a termino a operación da compra do terreo, fixéronse uns bonos reembolsables de cen pesetas cada un e ofrecéronselle aos veciños. A operación foi un éxito, e practicamente naide esixira o reembolso cando se cumpriu o prazo.
A partir de ese momento, traballando as fins de semana, cos coñecementos que algún tiña e os que deus lle deu a entender a outros, baixo a dirección de Ricucho, fomos facendo o local. E así “de bonito” nos quedou.

Non conseguimos facer máis que un edificio que é claro exemplo do "feismo", o entorno nunca estivo decente, o acceso ao mar é penoso, .... en fin, un desastre.
Pero a pesares de todo iso, O Remo deunos moitas satisfaccións e ensinounos a coñecer a práctica do deporte e participar en Campionatos de España e outras competicións, a unha morea de rapaces.

Un pobo pequeno, como é Redes, ten dúas sociedades deportivas, dende fai máis de corenta anos. O Tenis e O Remo.



24 agosto 2008

A propósito dos 40º aniversarios. 1º

As nosas dúas sociedades deportivas están de cuadraxésimo aniversario. Xa levan as dúas unha longa andadura; aínda que con marchas dispares.

O Club de Tenis cunha traxectoria impecable e uns logros, tanto no orden deportivo coma no social, espectaculares. Impensables cando hai "uns poucos" anos un grupo de cinco rapaces de Redes trataban de emular os logros de Manolo Santana: o seu triunfo en Wimbledon, o número un do mundo, a Copa Davis ....

Era o ano 1.967 cando colocábamos unha corda, a falta de rede, entre unha árbore do Regueiral e un pau no outro extremo, e mentres un se encargaba de arbitrar e de baixa-la corda cando, casualmente, pasaba un coche, os outros dous ou catro, depende, armados cunhas palas de madeira e unha pelota de goma negra, xogaban na estrada. Ate que a pelota, tíñamos so unha, caia no medio do maínzo de María do Raso. Cantas horas temos perdido a buscar a pelotiña.

Pasado un tempo, conscientes das carencias en material, decidiuse formar o que foi o xermolo da actual sociedade, aportando, cada domingo, a cantidade de quince pesetas cada un, para comprar o necesario. Hai que ter en conta que cando empezamos eramos cinco rapaces de catorce a dezasete anos. Esas quince pesetas cada semana, e dez mais si había algún festivo, que tamén “cotizaba”, era unha pasta.

O paso seguinte foi empezar a xogar na praia da Areamorta. Xa, en lugar da corda, colocábamos unha rede artesanal, marcábase a pista na area, tíñamos xa máis pelotas e ate raquetas de tenis. Iso empezaba a funcionar, empezouse a sumar máis xente e unha cousa levou a outra e chegou a celebración do primeiro Campionato de Tenis de Redes, na praia da Areamorta. Dende aquela vense celebrándo anualmente cada Agosto.
Logo veu a constitución da sociedade, o aumento do número de socios, a compra do primeiro terreo, a “caseta de Aquilino”, a primeira pista feita polos socios, ....... así ate o que agora temos; e sigue medrando.
Detrás de todo iso está a iniciativa daqueles cinco rapaces de Redes: Ricardo Vales, José J. Vilasánchez, Francisco Carballeira, José Deus e Amando Pérez.

Todos sabemos que algúns deles, dos que quero facer distinción, teñen dedicado moitas horas de traballo para o club e, en consecuencia, para os socios. Grazas.

06 agosto 2008

Benedicto e Bibiano.


Estes días atrás, revolvendo polos caixóns, atopei esta especie de libriño que é recordo dun tempo de reivindicar e protestar, que é o que teñen que facer os mozos. Ainda que hoxe parece que non se practica este sano costume. A mocidade está moi "acomodada".

Como se pode apreciar é de fabricación moi artesanal. E non recordo si o daban ou o vendían nun concerto, diante da igrexa de Pontredeume, de Benedicto e Bibiano.
Eran os últimos coletazos da dictadura, nunha tarde do verán do 74 , cando Benedicto e Bibiano nos ofreceran o concerto "Agora entramos nós".
Asistíramos unha morea de rapaces, e un nutrido grupo de representantes do cuartel da gardacivil da Vila.
A cousa estaba bastante ben organizada, con sillas e todo; empezou a actuación, os asistentes coreábamos as cancións, eran de sobra coñecidas: Soñamos, María Soliña, A campán do pobo, Berros de loita,.... todo foi moi ben ate que chegou a do "Can de palleiro":
¡Ai!, rabioso e vello can de palleiro/ daste conta de que xa vas morrer,/ e non poderás trabar,/ e non poderás morder/ e os teus podridos dentes verás caer/ caer un detrás doutro, verás caer/ até que caia toda a túa dentadura/ a túa forte dentadura viráse abaixo,/ abaixo a dentadura.
Entón os do público empezamos a corear o último estribillo... "Abaixo a dictadura!, Abaixo a dictadura!". Ergueuse o sarxento da Gardacivil facendo cos brazos o xesto de acabouse, e acabouse, saimos dalí todos controlados polos guardias, e non houbo máis.

Naqueles tempos o control sobre "as ideas" era férreo, ... e sobre estes dous? non hai mais que pensar que formaron parte de Voces Ceibes para facerse unha idea.

20 julio 2008

Estamos en tempo da costeira do bonito, o príncipe azul do mar, e venme ó recordo cando os boniteiros visitaban a ría tódolos veráns na súa campaña acompañando os bancos de túnidos no seu peregrinar cara ó norte. Entraban na ría para pescar á sardiña, que lles valía de carnada para a pesca do bonito.
Os boniteiros usan cebo vivo, por eso pescábanas ó cerco, e viva, gardábana nuns viveiros para logo, cando a necesitaban, repescala dos tanques e cebar con ela os anzois cós que pescar o bonito.

Eran barcos grandes, moito mais grandes que as lanchas que tiñan os mariñeiros do xeito, impoñían cos seus potentes motores e facendo soar as bucinas púñannos moito respecto ós cativos que mirábamos dende o múelle de Redes como manobraban dentro da ría largando e recollendo os aparellos.

Este ano os boniteiros, ó igual que o resto dos pesqueiros, por mor da descontrolada subida do petróleo tardaron mais do habitual en facerse ó mar, e seguramente esta será unha marea moi difícil, xa que ás dificultades que xa tiñan, menos capturas polo empobrecemento dos mares por sobrepesca e o uso de sistemas non selectivos, a loita por erradicar as artes ilegais, ... súmaselles o importante incremento do prezo dos combustibles.
Según as últimas noticias o precio medio do bonito en lonxa está sendo de 2,5 €/Kg. Téñeno moi duro!

Pero imos tratar asuntos menos tráxicos, e falemos do bonito como manxar, que o é, e moi bo.
E importante mercar pezas que foran pescadas có anzo, á cacea, tal como se ve na fotografía, xa que son de unha calidade moi superior ás que se pescan con redes de deriva. O primeiro tan pronto se pesca é eviscerado e metido no xeo; pola contra o das volantas, unha vez que enmalla pode pasar horas no mar pelexando por librarse, logo na birada dos aparellos os bonitos sufren magulladuras que fan que ó consumilo estea a carne mais desfeita, menos enteira.

Esta moi bo na plancha, en marmitaco, ... pero a min gústame moito preparado segundo a receita que expoño a continuación:

Bonito con tomate.

Ingredintes:

Para 4 persoas
4 rodaxas de bonito
6 tomates, poden ser enlatados
2 cebolas
4 dentes de allo
1 pemento verde
Azucre
Aceite
Sal

Elaboración:

Para a salsa de tomate, pica as cebolas e o pemento verde. Dóuraos nunha pota con aceite e sal.
Corta os dentes de allo en láminas y engádellas á pota. Lava os tomates e tras cortalos en cachos engádeos tamén, botar unha cullerada de azucre para reducir a acidez do tomate. Cociñar durante 20 minutos. (Si se usan tomates enlatados enteiros dan moi bo resultado).

Limpar o bonito de pel e espiñas e facer cachos das rodaxas, salgar e colocar o bonito sobre o tomate que temos na tarteira. Deixar facer a lume moi frouxo uns cinco minutiños aproximadamente. Si se deixa moito tempo resécase.

Podese acompáñar con patacas cocidas. Con arroz branco tamén está moi bo.

Bo proveito.

27 junio 2008

O Halcón.

Nos anos sesenta-setenta tiña o meu pai un bote duns seis metros de eslora, moi bonito, era moi feitiño, levantaba a proa elegante e abría as amuras cara arriba rematando nun semicírculo como si fora un abanico. A cuberta era de taboíñas finas, duns tres centímetros de ancho, e moi ben colocadiñas. Daba gusto velo.

O seu nome era Halcón e tiña unha desas aves pintada na parte alta da vela voando cas as despregadas.

Un domingo de agosto, día de Santa Marta, embarcamos toda a familia de mañanciña para, como era costume, ir a pasa-lo día no piñeiral de Cabanas. Armou meu pai a vela e enfilou cara a Centroña para logo, dando bordadas contra o vento do nordeste, ir indo para o Areal.

Pero, como sucede moitas veces nesta ría polo verano, chegando a Centroña, o que era unha mañanciña de vento suave ó pouco converteuse nun suplicio para navegar a vela; o refrescar o nordeste empezou a rizarse o mar e ó pouco xa blanqueaba e non había maneira de seguir. Non lle quedou outra a meu pai que arriar vela, armar remos e tratar de cruzar de volta para Riocastro en busca da zona máis abrigosa. Custoulle caro ó home cruzar aquel, que metidos nel, parecíanos un temporal; bogaba e bogaba co vento de través, e veña salseiros, parecía que non nos movíamos do sitio.

O final atracamos en Almieiras, desembarcamos e decidiuse que xa non íamos a Cabanas, xa nos quedábamos a xantar alí. Logo de xantar uns calamares da ría na súa tinta, ¡moito se me acordan aqueles calamares que pescaba meupai e cociñaba miña nai!, a correspondente tortilla e os postres, meu pai durmiu unha ben gañada sesta para recuperarse do esforzo mentras nós dábamonos un baño o resgardo do nordeste.

E o de ir a Santa Marta quedou para outro ano.

Por certo; un tempo despois o meu pai puxéralle ó Halcón un motor. Tería algo que ver unha cousa cá outra?.... nono creo!

08 junio 2008

O pirin pirimpimpim

Vin algúns (case todos) capítulos do Padre Casares e paréceme unha serie sen moitas pretensións pero simpática. A música, moi alegre, está baseada neste tema que lle podemos escoitar aquí a Malvela.



Pero o que máis me chamou a atención é o pouco partido que se lle está a sacar a Redes. Quitando algo da Areamorta, o resto son algunha visión fugaz dalgunha das calles, e sempre as tomas do Pedregal, que está moi ben e é moi bonito, pero que xa vai “queimado”. E parece que Redes só é eso!.


Que valla esto como reivindicación de que Redes, e o seu entorno, ten máis que ver que o Pedregal. .... Bueno,... se pode ser.

01 junio 2008

Don Cirilo.

Dicía na entrada anterior que en Redes tamén tivemos médico.


No meu recordo quedan dous doutores en medicina que consultaran en
este pobo. O último, ou sexa o máis recente, D. Manuel Carballo, vivía en Ares e viña a pasar consulta no "Pósito"; foi ate os anos setenta, a partires de aí a xente de Redes asiste a consulta médica a Ares.

Supoño que antes habería outros, pero o primeiro médico que eu recordo en Redes foi D. Cirilo Pérez. Vivía ca súa familia e consultaba nesa casa da foto, a que ten esa inmensa galería tan
fermosa hoxe
tristemente desaparecida; detrás desa galería estaba a consulta.

No meu recordo véxome nela, nos primeiros anos cincuenta, sentado na camilla e vendo o mar dun fermoso día de verán polos cristais da galería; estaba eu acompañado do meu pai, que me levara para que don Cirilo me fixera unha delicada operación nunha orella que saíra “cun defecto”, tiña un cachiño de sobra. Recordo como o doutor me entretivo cuns prospectos de menciñas para, mentrastanto, poder facelo seu traballo sin que eu protestara.

Don Cirilo, neses anos era xa un home pode que cincuentón, con bastante “humanidade”, cara amplia, mofletuda, risoña sempre, sempre amable e atento, có seu maletín disposto e a punto para desempeñar a súa profesión cando fora preciso, a calquera hora.

Contáronme moitas veces que o día que nacín fórono chamar, veu ate a casa, recoñeceu a miña nai e veu que a cousa estaba ben e que había que esperar un pouco. Como era a hora de xantar dixo que ía a súa casa, xantaba e volvía; pero baixando as escaleiras para se ir veu que, na cociña, estaba miña aboa facendo o caldo e mudou de idea, sentouse, puxeronlle un prato e xa se quedou a comer alí un bo prato de caldo.

El era así habitualmente, era a súa forma de ser. Era un médico dos de verdade de familia e que eran como da familia. Xa nos gustaría que fosen así os de hoxe en día, xa!.

24 mayo 2008

Profesionais.

Antes en Redes había zapateiro. Rafael.

Primeiro viviu e traballou no Campo, na agora casa de Carmela de Cambalete. Logo foise a vivir á casa que está a dereita da primeira curva do Rego, entrando en San Martiño do Porto, a que ten unha bodega que queda a altura da carreteira; antes de que puxeran o gardarraíl non era raro que amañecera algún coche pousado no tellado da bodega, sobre todo a mañán seguinte a certos días de festa.

Nos últimos anos que traballou en Redes, Rafael tiña o obradoiro na esquina de abaixo da casa de Santiago, nun recunchiño triangular moi aproveitadiño.
Traballaban el e máis dous aprendices ou axudantes, Tucho e Portela, dúas boas pezas, sobre todo o Portela que tiña un ollo en branco e dicía que fora de que lle cravaran nel unha lezna das que usaban para coser os zapatos. Non sei si sería certo, pero cada vez que llo oía dicir dábame un arrepío polo lombo.

A zapatería de Rafael era punto de reunión e faladoiro dos rapaces de Redes. Parece increible, recordando agora, que naquel taller tan pequeniño couperan tantas cousas e tanta xente. Estaba a mesa de traballo, unha mesa baixa chea de caixiñas con tacholas e puntas, fios para coser, agullas, ceras para sellar as costuras, pegamentos, martelos, coitelas, leznas, botes con tintes, e demáis cousa propias do oficio. Detrás da mesa sentaba o zapateiro nun taburete baixiño, có seu mandil de coiro e sempre algún zapato nas mans. Na parede da súa dereita estaba a máquina esa que tiñan nas zapateirías que era un eixe longo, suxeito nuns soportes a parede e co que se movían múltiples ferramentas para lixar e pulir e afiar e dar brillo, ... de todo. Había múltiples patróns ou plantillas para cortar os zapatos, que el mismo fabricaba, e hormas para darlles a forma apropiada, e os coiros e as solas, e cordóns, e moitas máis cousas.

Chamábame moito a atención como poñía as puntiñas no martelo, que tería que estar imantado, aguantabanse soas para poder crabalas sin ter que suxetalas ca outra man; e con que maestría pasaba o fío pola cera e logo cosía as solas ós zapatos. Daba gusto velo.

Houbo tamén barbeiro (antes perruqueiro chamábaselle só o das mulleres, o dos homes era barbeiro).

Quen non recorda a Regino Varela chegar a barbeiría co seu maletín de madeira e con aquel dedo pulgar ríxido por algún accidente. Que paciencia tiña con nos Regino, si hai un ceo teno gañado ..... Aínda que el non cría neso.

Tiña a barbeiría na cabeceira do "Pósito" e curiosamente tamén era de forma triangular, ainda que esta, ó contrario que a zapateiría, tiña a porta na parte máis estreita e ancheaba para o fondo, donde estaba o banco de esperar o turno.

Xuntabámonos alí ó saír da escola e có xogo de damas que tiña e máis aquel outro que era unha caixiña cadrada con figuras cadrangulares de distintas proporcións que había que ir desprazando sen levantalas. El, con moita paciencia ensinábanos, cando vía que non o facíamos ben.

Algún, nun despiste do fígaro, deprendeu a usar por primeira vez a navalla barbeira e quedou marcado de por vida. Pero non era só eso o que se deprendía na de Regino, deprendíanse máis cousas. Era un dos poucos sitios onde, naquel tempo, se falaba de política abertamente, sobre todo si andaba por alí Moncho Almería, anarquista convencido que acabou sendo un empregado de correos, que non tiña reparo ningún en erguelo puño e arrancarse a cantala Internacional.

Íamos pasando as distintas xeracións por estas universidades da vida, e en todas uns aprendíamos dos outros as cousas tanto boas como non tan boas, pero de todo había que saber,… ou non?

Houbo tamén médico en Redes; pero esa xa é outra historia.

28 abril 2008

Un estanque na horta

Logo de darlle moitas voltas o asunto e de desexalo durante moito tempo, ó final a dona desta casa coseguiuno, fixo un estanque na horta; con peixes e todo!.



Con 9 € de plástico negro do que venden nas ferraxerías, unhas horas de traballo e un pouco de imaxinación... Tíñamos unhas carpas que xa se ían facendo grandes para o acuario e ahora están moi a gusto no estanque.
Ahora haberá que poñerlle unha bomba, un filtro, unha cascada,...

27 abril 2008

O AXUNTAMENTO DE CAAMOUCO

A última ocasión, antes de deixar de existir formalmente o 30 de novembro de 1.833, na que o xa testemuñal Reino de Galicia mostrou unha manifestación política foi durante a invasión napoleónica no 1.808. A ameaza que para o mantemento da hexemonía do clero e a fidalguía representaba o empuxe revolucionario de Napoleón, provocaron a súa rápida reacción actuando como estímulos para a resistencia e a mobilización. Que o resultado final de aquel inmenso sacrificio fose o regreso, entre vítores, do rey máis infame da historia de España, non deixa de ser unha paradoxa. Pero Napoleón era o invasor, por moi liberal e reformador que fora.

D. Francisco Bermúdez de Sangro do Pazo do Piñeiro de Caamouco foi comisionado para buscar unha alianza con Inglaterra. Ante o goberno do Rei Jorge III recadou, con notorio éxito, o auxilio que se lle encomendara. Derrotados os franceses e na ausencia do rei, detido en Francia, dentro do proceso que os liberais levaron a cabo nas Cortes encontrábase a reforma das estructuras políticas e entre elas os axuntamentos. Neste contexto, Francisco Bermúdez de Sangro, deputado por Betanzos, é un dos que xuraron a Constitución de Cadiz, promulgada o 19 de marzo do 1.812 (debido á onomástica da fecha, san Xosé, foi coñecida popularmente como "La Pepa"). No Título VI, Capítulo I, di no seu Art. 310. "Se pondrá ayuntamiento en los pueblos que no le tengan, y en que convenga le haya, no pudiendo dejar de haberle en los que por sí o con su comarca lleguen a mil almas, y también se les señalará término correspondiente".
Para levar á práctica o deseño dos concellos liberais promulgase o Real Decreto do 23 de maio de 1812 que regulamenta a súa constitución. A cal sería aprobada na sesión celebrada pola Deputación o 4 de decembro de 1.813.

É de crer que por este medio Caamouco constituíuse en axuntamento independente do de Ares. Como xa está dito, D. Gaspar Rodríguez foi o seu primeiro alcalde. O que non sabemos é si houbo máis.
Á vista do que comentaremos a continuación, non sabemos como é que Caamouco durou como axuntamento ate o 1.827.


Ó seu regreso Fernando VII, en marzo de 1.814, apresurouse a seguí-la invitación de un grupo de diputados absolutistas (Manifiesto de los Persas) e restablece-la monarquía absoluta do século anterior, derogando a Constitución por Real Cédula do 30 de Xulio de 1.814. Quedou anulada así a obra reformadora realizada na súa ausencia polas Cortes e restituíndo os axuntamentos á situación anterior a Constitución.

Tendo en conta que as colonias americanas, por mor do proceso reformador constituíronse en provincias, pasando así a depender da facenda do estado e non da facenda real, cremos que este foi o maior desencadeante da reacción do monarca.
O resto do reinado de Fernando VII estivo marcado pola restauración da monarquía absoluta, a volta ás estructuras do Antigo Réxime, unha represión sanguenta contra dos movementos de inspiración liberal, …. Durante o seguinte Trienio Liberal (1820-23), Fernando intentou salva-lo Trono finxindo ser un monarca constitucional, utilizou tódolos recursos que puido para facer fracasar e obstaculiza-las reformas das Cortes liberais.

E posible que como consecuencia de todo iste desmán os axuntamentos constituídos ó amparo de “A Pepa” tardaran anos en volver a desaparecer.

20 abril 2008

Luar na Lubre

Supoño que todos saberedes de LUAR NA LUBRE.

Luar na Lubre é un grupo galego de música folk.

A etimoloxía das palabras que compoñen o nome dinos que Luar significa en galego resplandor da lúa e Lubre era unha especie de lugar máxico para os celtas.

Ó longo da súa Carreira como formación musical contribúe a difundir e valorar a cultura e a música galega, levándoa polo mundo adiante.

Mike Oldfield, que quedou namorado do tema do video anterior, "O son do ar", composto por Bieito Romero, e das marabillosas interpretacións de Rosa Cedrón, no 1992 propúxolles colaborar na súa xira mundial, en correspondencia ó uso, pola súa parte, do mencionado tema, e así contribuir á promoción internacional do grupo.

Actualmente a voz é a cantante portuguesa Sara Louraço Vidal, que relevou á emblemática vocalista e violonchelista Rosa Cedrón, que decidiu adicarse a súa carreira en solitario.

E xa saberedes tamén que un dos fundadores do grupo é nativo de Redes, descendente de redeños.

Xulio Varela Pérez é fillo de Xulio Varela de Ares e de Pura Pérez Mártinez de Redes, filla de Vicente Pérez Paz (Vicente o baleiro) e de Trina Mártinez.

A casa dos seus avós é a do lado da perruquería de Dora. Pola parte datras da casa, que da á rúa da Riveira tiñan unha tenda que atendían Trina e a súa irmán Pura. Cantas veces teño ido a comprar á tenda de Pura sendo cativo.

12 abril 2008

BACALLAO Ó FORNO


E como non soio de pan vive o home (nin de recordos tampouco), vexámos unha receita moi facil de bacallao ó forno. Dou fe de que está moi bo,.... polo menos a min gústame!

Dous días antes limpase o bacallao e cortase en cachos ó gusto, separando os grosos que desalagarán 36 horas dos finos que lles chega con 24. Cambiar a auga con certa frecuencia.

.-Nunha tixola pochar un par de dentes de allo, cebola en xuliana e pemento en tiras, que sexa dabondo para cubrir o fondo dunha fonte de fornear.

.-Reserva-lo aceite para botarllo despois.

.-Fritir patacas laminadas para cubrir a cebola na fonte.

.-Poñer enriba o bacallao cá pel cara arriba.

.-Verter por riba da fonte có bacallao o aceite de fritir as cebolas e pementos.

.-Engadirlle ½ vaso de leite.

.-Botar unhas febras de azafrán, pirixel e pan raiado por riba.

.-Quenta-lo forno a 180º uns minutos antes, meter e fornear 15 ou 20 minutos colocado a media altura.


Si gustan as olivas, combina ben coas negras, podenselle poñer ó redor unhas cuantas picadas, e si se quere que estea un pouco picante engadeselle un chisco de pementa.

E bo proveito.